Saúde e nanotecnoloxía danse a man grazas ao programa NANOEATERS do CiTIUS

JUAN ACEIRO

As redes de colaboración nas que se integra o centro galego están a ser un criadeiro para os proxectos punteiros da península, sendo agora mesmo os sensores intraoculares un dos máis salientables.

“É un resultado sobresaínte dunha liña de investigación que leva dende hai tempo producindo grandes resultados e non temos empacho en dicir que nos sitúa na vangarda da ciencia e da tecnoloxía a nivel de electrónica e captación de enerxía”. Con estas palabras arrancaba Félix Lamas, director do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información), a exposición de NANOEATERS, o recente proxecto que contou coa implicación do centro e que abrangueu a súa colaboración co INL de Braga (Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía, co GAIN (Axencia Galega de Innovación) e coa Universidade de Vigo. Pero, en que consiste esta investigación e que implicacións pode ter nun futuro?

Tras toda esta morea de institucións científicas agóchase dez proxectos enmarcados no POCTEP (Programa Operativo Cooperación Transfronteiriza España-Portugal), entre os que NANOEATERS é un dos que goza de maior recoñecemento. Trátase do deseño dun dispositivo con autonomía enerxética que permita medir a presión intraocular e prever a aparición de glaucomas, chamado Eyepress. “Entendemos que é un primeiro paso na aposta a longo prazo pola nanotecnoloxía como medio facilitador esencial”, explica Raúl Rodríguez, membro da Oficina de Programas Internacionais do GAIN, ao tempo que sinala as expectativas xeradas ante esta investigación, da que esperan “ver nun futuro os seus froitos dentro do tecido industrial”.

O novedoso dispositivo que se refina en Santiago

Pero son os investigadores, os auténticos protagonistas deste incipiente adianto tecnolóxico, quen deberían tomar a palabra e contar cal é o auténtico mecanismo de funcionamento. Víctor Brea, científico do CiTIUS, sabe perfectamente o que teñen enfronte e os efectos inmediatos que, de resultar continuados os seus avances, se poderían dar. “A idea era que puideramos ter un sensor que se introducira dentro do ollo e que medira a presión intraocular día a día ou varias veces ao día e tras para enviarlle os datos ao oftalmólogo por vía telemática”, sinala Brea, aludindo en comparación ós longos períodos de meses cos que se somete a revisión o glaucoma e destacando a mellor precisión que se obtería dos niveis de presión.

Imagen4

Víctor Brea sinalando os compoñentes que conformarán o dispositivo Eyepress | Juan Aceiro

Este sensor de presión, cunhas dimensións de apenas 5.5 milímetros de grosor por 1.5 de fondo, require dunha fonte de alimentación para os seus sinais eléctricos. “Hai que recoletar enerxía da luz ambiental” comenta Brea ante o noso asombro, detallando que “será a través dunha célula fotoeléctrica autónoma, un circuíto integrado o suficientemente pequeno para producir a xa moi pouca corrente que require o dispositivo”. A tensión que produza a célula será tan escasa que, a maiores, o sensor incorporará “unha unidade de xestión da enerxía para subir esta tensión”, o que polo momento está a ser o labor primordial que se desenvolve no CiTIUS.

Mentres no INL se desenvolven o sistemas de almacenamento de enerxía, de comunicación co exterior e os circuítos proxectados no sensor, en Santiago, unha vez cumprida a eficiencia do sensor, queda por asegurar a súa ancoraxe dentro da retina a través dunha “lente que actuaría como soporte e cuberta á súa vez por outro soporte de metacrilato”. O porqué desta execución no interior de ollo e non na zona superficial sintetízaa Paula López, tamén membro do equipo de NANOEATERS do CiTIUS: “A idea de introducir o sensor dentro do ollo é por dous motivos: primeiro porque aos pacientes con glaucoma moi avanzado deben someterse a unha operación onde se lles retira o cristalino e substitúeselles por unha lente, co cal aproveitariamos isto para que amais a lente incorpore o sensor intraocular, e segundo porque dentro do ollo é máis fácil medir os cambios de presión do paciente”.

Imagen5

Paula López explicando o funcionamento da célula fotovoltaica que se integrará na placa final | Juan Aceiro

Mirando ó futuro

Para xullo do próximo ano integraranse os compoñentes do CiTIUS nos circuítos que está a deseñar o INL e en decembro xa estaría todo incorporado no chip final. “Ocorra o que ocorra, isto xa ten valor e está protexido como patente”, apunta Brea, mentres que López pon a vista nos futuros proveitos que xurdirán do seu dispositivo: “podería adaptarse a outras aplicacións de moi baixo consumo ou que nun principio requirisen cambios de batería continuados. Tampouco serían necesariamente implantables, coma neste caso, senón que se redeseñarían e adaptarían a outro sistema de xestión da enerxía”. “O Internet das cousas, os nodos de información e basicamente en calquera aplicación na que o sistema teña que facer todo” son algúns dos rumbos que, segundo López, podería tomar, compartindo con Paulo Félix esta filosofía do máximo aproveitamento: “dende o CiTIUS un dos nosos obxectivos é de non deixar a ciencia soamente na publicación, senón intentala levar ata as últimas consecuencias”.

Foto: CiTIUS

Deixar un comentario